Os comuneiros de Salvaterra logran facerse con catro parcelas nun litixio co Concello

Salvaterra, 20 de outubro de 2025.- A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salvaterra acaba de conseguir facerse coa titularidade de catro parcelas de monte dun total de 10.703 metros cadrados coa oposición do Concello de Salvaterra de Miño. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra resolveu a favor dos comuneiros a solicitude de clasificación dos anteditos terreos e rexeitou todos os argumentos municipais, despois de que incluso o Concello puxera sobre a mesa a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que en abril do pasado ano lle dera a razón noutro preito similar por un predio no polígono industrial de Chan da Ponte.

O Concello aínda ten a opción de acudir a vía contencioso-administrativa para defender a propiedade dos catro terreos.

Trátase das parcelas denominadas Eido, unha carballeira con algún pé de piñeiro, eucalipto e loureiro de 7.171 metros cadrados; Mulariña e Portela, lindeiras e illadas do resto do monte veciñal, con 1.423 e 788 metros cadrados, respectivamente; e Barco, de 1.381 metros cadrados, tamén illada do monte e que contén unha estación hidrolóxica, unha edificación de abastecemento de auga e vexetación de ribeira, con algún pé de carballo e salgueiro, e que está situada moi preto da praia fluvial de Cordeiro.

Entre outras cuestións, o Concello alegou que a titularidade catastral de tres dos predios era a principal defensa da Comunidade de Montes, pero que esta inscrición fora modificada en 2018 unilateralmente polos propios comuneiros, cando antes estaban a nome municipal. O Xurado lembrou que aquela anterior adscrición a nome do Concello respondía a aplicación da Lei Hipotecaria de 1946, sen constituír título de propiedade, e incidiu en que os comuneiros, como proba da falta de titularidade municipal, incluso presentaron documentación sobre procesos de expropiación impulsados polo Concello en dúas das parcelas para a instalación do colector xeral do río Tea.

O Xurado considerou tamén irrelevantes as alegacións de que se trata de terreos illados e de que non foran clasificados en 1980, ano da clasificación dos montes de parroquia de Salvaterra, por estaren afastados do resto do monte. E tampouco aceptou os argumentos da sentenza do TSXG que en abril do pasado ano declarou municipal unha parcela do polígono industrial de Chan da Ponte, unha resolución que no seu momento permitira a propia alcaldesa transmitir notable optimismo en relación á solución de futuros conflitos cos comuneiros.

O Xurado entende que a base litixiosa daquela sentenza era a definición dos lindes do monte Chan da Ponte, no la acreditación do aproveitamento veciñal dos terreos, que é o que xustifica a súa clasificación.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *