A Audiencia tumba un novo intento dos comuneiros de Cabral de facerse cun terreo e unha vivenda en Peinador

Vigo, 26 de xaneiro de 2026.- Novo revés para a Comunidade de Montes en Man Común Santa Mariña de Cabral en relación ás súas pretensións de facerse con propiedades na contorna do aeroporto de Vigo. A Audiencia Provincial acaba de ditar sentenza rexeitando o recurso interposto pola organización comunal contra unha resolución que, en primeira instancia, xa tombara a reclamación sobre un predio situado ao carón do Motel Aeropuerto e que ten como titular á empresa Icosa Dorada.

O fallo cuestiona unha vez máis o peso probatorio dos planos presentados polos demandantes, un documento de 1891 que nin sequera é orixinal, para esixir a propiedade da parcela, que contén tamén unha edificación.

A sentenza da Audiencia reflicte ademais o peculiar e autocrático xeito de gobernar a Comunidade de Montes por parte do seu presidente, Luis Rodríguez, pois incide en que presentou a demanda tres anos antes de contar coa preceptiva autorización da asemblea xeral da entidade. A resolución conclúe que a CC MM non estaría lexitimada para tomar parte no litixio, aínda que o presidente si puido facelo na súa condición particular de comuneiro.

A Audiencia entra polo tanto no fondo do asunto e insiste reiteradamente nas súas dúbidas sobre a autenticidade da documentación sobre o expediente de deslinde de 1891, especialmente do plano, con múltiples carencias técnicas e do que só existen fotocopias incompletas. Conclúe ademais que non se conseguiu probar o aproveitamento consuetudinario da parcela, outro requisito indispensable para que tivera a consideración de monte comunal, e que o terreo, en definitiva, non pertence á CC MM, que terá que facer fronte ás costas procesuais.

Con esta sentenza, a Comunidade de Montes de Cabral acumula xa varios fallos en contra, sostidos en xeral na irrelevancia do devandito plano de 1891. Nos últimos meses sucedéronse resolucións desta índole en relación ás propiedades de catro empresas do Gorxal, unha finca con vivenda na contorna do Ifevi, un predio do Gorxal cunha vella nave chea de pintadas reivindicativas dos propios comuneiros ou un terreo con catro vivendas cunha dirixente da Plataforma Galega de Afectados polas Comunidades de Montes entre os seus donos.

O argumento das CC MM para lograr a titularidade dos terreos e expulsar deles aos seus actuais propietarios é sempre o mesmo: que o monte é deles dende tempo inmemorial e que esa posesión quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX dos que só se conservan as libretas e os planos, pero dos que non consta a súa aprobación final. Os particulares afectados, polo xeral, teñen títulos que se remontan a principios do século XX ou unha inscrición no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *