Os comuneiros de Cabral desisten da pelexa por catro vivendas tras a sucesión de sentenzas contra eles

Vigo, 28 de xullo de 2025.- A sentenza ditada a favor de Purificación Castro, veciña de Peinador, e a súa familia, fronte á pretensión da Comunidade de Montes en Man Común Santa Mariña de Cabral de facerse co seu terreo e as catro vivendas da súa propiedade alí enclavadas, acaba de converterse en firme ao desistir a entidade veciñal de interpoñer recurso contra a última resolución da Audiencia Provincial de Pontevedra en relación a este conflito.

Ata agora, os comuneiros de Cabral acudían sempre ata as últimas instancias xudiciais para lograr as súas pretensións e facerse con propiedades de particulares ou de empresas, pois os tribunais viñan dándolles a razón dende hai moitos anos. Pero a recente sucesión de sentenzas que cuestionan a validez do plano de 1891 en que as CC MM sostiñan habitualmente as súas reclamacións, posiblemente explique o cambio de criterio da entidade ao abandonar o caso de Peinador.

De feito, a resolución que beneficiou a Purificación Castro e a súa familia baseouse noutra emitida hai algo máis dun ano polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que devolvera a catro empresas do Gorxal as súas propiedades despois de que un xulgado en primeira instancia decidira que tiñan que deixalas en mans desa mesma comunidade de montes.

A sentenza, ademais de volver a poñer en cuestión o devandito plano de 1891, incidía en deixar claro que “o solo urbano non pode ser monte”. Resaltaba especificamente que o terreo en cuestión fora cualificado como solo urbano no Plan Xeral de Vigo de 1993, sen que esa decisión fora impugnada pola Comunidade de Montes en ningún momento. E tamén entendía que non se demostrara o aproveitamento consuetudinario da parcela, outro requisito indispensable para que tivera a consideración de monte comunal.

O avogado da familia, Jesús López García, precisamente recordaba, cando se deu a coñecer aquela resolución, que a Audiencia Provincial consolidaba así a súa máis recente xurisprudencia, “indicando que non se pode tomar de xeito acrítico planos de hai un século e medio se non veñen acompañados dunha proba de aproveitamento real polas comunidades de montes, e menos aínda se falamos de predios urbanos ou que, coma neste caso, conteñen vivendas e ningún tipo de aproveitamento forestal”.

Purificación Castro é membro da xunta directiva da Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes e a súa parcela, pola que se viu inmersa nese litixio, ten unha extensión de 4.500 metros cadrados e conta con dúas edificacións e catro vivendas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *