Novo revés para os comuneiros de Cabral nun preito por unha finca con catro vivendas

Vigo, 10 de xuño de 2025.- A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de desestimar o recurso interposto contra a sentenza emitida en primeira instancia a favor de Purificación Castro, veciña de Peinador, e a súa familia, fronte á pretensión da Comunidade de Montes en Man Común Santa Mariña de Cabral de facerse co seu terreo e as catro vivendas da súa propiedade alí enclavadas.

A resolución baséase na emitida hai algo máis dun ano polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que devolvera a catro empresas do Gorxal as súas propiedades despois de que un xulgado en primeira instancia decidira que tiñan que deixalas en mans desa mesma CC MM.

De novo volve a cuestionarse a validez do plano de 1891 en que os comuneiros sosteñen habitualmente as súas reclamacións e, a maiores, como a sentenza do TSXG, o novo fallo incide en deixar claro que “o solo urbano non pode ser monte”. Resalta especificamente que o terreo foi cualificado como solo urbano no Plan Xeral de Vigo de 1993, sen que esa decisión fora impugnada pola Comunidade de Montes en ningún momento. E tamén entende que non se demostrou o aproveitamento consuetudinario da parcela, outro requisito indispensable para que tivera a consideración de monte comunal.

O avogado de Purificación Castro e os seus familiares, Jesús López García, apunta que “a Audiencia Provincial consolida con esta sentenza a súa máis recente xurisprudencia, indicando que non se pode tomar de xeito acrítico planos de hai un século e medio se non veñen acompañados dunha proba de aproveitamento real polas comunidades de montes, e menos aínda se falamos de predios urbanos ou que, coma neste caso, conteñen vivendas e ningún tipo de aproveitamento forestal”.

Purificación Castro é membro da xunta directiva da Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes e a súa parcela, pola que se viu inmersa neste litixio, ten unha extensión de 4.500 metros cadrados e conta con dúas edificacións e catro vivendas.

Con esta sentenza, a Comunidade de Montes de Cabral acumula xa varios fallos en contra, sostidos en xeral na irrelevancia do devandito plano de 1891. Ademais da resolución do TSXG sobre as catro empresas do Gorxal, nos últimos meses coñecéronse así mesmo resolucións similares ligadas a unha finca con vivenda na contorna do Ifevi ou a un predio do Gorxal cunha vella nave chea de pintadas reivindicativas dos propios comuneiros.

A Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes congratulouse do novo revés para a CC MM de Cabral, pero insistiu en que o único xeito de superar a actual inseguridade xurídica que afecta a particulares e empresas con terreos en áreas susceptibles de ser reclamadas por comuneiros, é a través dunha modificación lexislativa.

O argumento das CC MM para lograr a titularidade dos terreos e expulsar deles aos seus actuais propietarios é sempre o mesmo: que a propiedade do monte é deles dende tempo inmemorial e que esta quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX dos que só se conservan as libretas e os planos, pero dos que non consta a súa aprobación final. Os particulares afectados, polo xeral, teñen títulos que se remontan a principios do século XX ou unha inscrición no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *