Os casos de comunidades de montes que reclaman propiedades privadas esténdense por 14 concellos galegos

A Plataforma de Afectados recibe consultas sobre conflitos en Silleda, Guitiriz, A Fonsagrada, Taboada, Tomiño, Malpica de Bergantiños, O Porriño, Caldas de Reis, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Porto do Son ou Ponteareas, ademais dos xa coñecidos de Vigo e Mos

Vigo, 12 de maio de 2025.- A Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes está a recibir un importante goteo de consultas sobre conflitos en numerosos concellos de Galicia.

A entidade naceu hai algo máis de dous anos, en marzo de 2023, a raíz da presión exercida por comuneiros sobre propiedades privadas nos municipios de Vigo e Mos, pero dende o principio defendeu que o problema non era exclusivo desa área territorial, senón que afectaba a toda a comunidade autónoma.

Agora xa coñece casos noutros moitos concellos, como Salvaterra do Miño, Silleda, Guitiriz, Fonsagrada (no límite con Asturias), Taboada, Tomiño, Malpica de Bergantiños, O Porriño, Caldas de Reis, Sanxenxo, Porto do Son ou Ponteareas, e cada vez lle chegan con máis regularidade consultas sobre novos ou vellos conflitos.

O argumento das CC MM para lograr a titularidade dos terreos e expulsar deles aos seus actuais propietarios, particulares ou empresas, é habitualmente o mesmo: que a titularidade do monte é delas dende tempo inmemorial e que esta quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX dos que só se conservan as libretas e os planos, pero dos que non consta a súa aprobación final. Os afectados, polo xeral, teñen títulos que se remontan a principios do século XX ou unha inscrición no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás.

As consultas á Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes incrementáronse a raíz de que ultimamente fixera públicos varios fallos xudiciais contrarios aos comuneiros que cuestionan a validez do antigo plano utilizado como única proba para demostrar á titularidade do solo e o aproveitamento inmemorial do terreo por parte dos veciños, outro requisito indispensable para que reciba a consideración de monte comunal.

A Plataforma considera importantes esas vitorias xudiciais, aínda que para nada definitivas, pois a solución á actual inseguridade xurídica que afecta a particulares e empresas con parcelas en áreas susceptibles de ser reclamadas por comuneiros, só pode chegar a través dunha modificación lexislativa, un paso que debe liderar a Xunta de Galicia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *