O TSXG rexeita a pretensión dos comuneiros de Cabral de facerse con outra parcela na contorna do Ifevi

ifevi

Vigo, 24 de marzo de 2025.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de outorgar firmeza a unha sentenza da sección sexta da Audiencia Provincial que ratificou o rexeitamento da demanda interposta pola Comunidade de Montes en Man Común Santa Mariña de Cabral para facerse coa titularidade dunha nova parcela na contorna do Instituto Feiral de Vigo, en concreto, dun terreo duns 1.600 metros que contén unha vivenda e un almacén.

O TSXG non admitiu o recurso de casación presentado polos comuneiros contra a resolución da Audiencia que considerou claramente que estes se tiñan limitado a “ofrecer unha realidade alternativa” na súa apelación á sentenza de primeira instancia, sen rebater o seu contido.

O caso, como xa ocorrera con outros predios nesta parroquia viguesa, volve cuestionar a validez do deslinde de 1891 que utiliza a CC MM para situar a finca en cuestión no monte comunal. De feito, a sentenza da Audiencia agora ratificada apunta que o primeiro plano que achegan os comuneiros e o de 1981 “son francamente dubidosos, ata o punto de que en modo algún acreditan que a parcela estea dentro do perímetro do monte veciñal”.

A maiores, a resolución tamén sostén que non se demostrou o aproveitamento inmemorial do terreo por parte dos veciños, o outro requisito para que tivera consideración de monte comunal, nin cando era Concello de Lavadores nin cando pasou a ser Concello de Vigo. Pola contra matiza que en realidade a vivenda e o seu circundado atópanse actualmente en solo urbanizable, “o que descarta a súa cualificación como monte veciñal”.

Xa son varias as resolucións xudiciais, en diferentes instancias, que cuestionan a utilidade do devandito plano de 1981. No caso do Tribunal Superior de Xustiza, dáse a circunstancia de que hai aproximadamente un ano revocou outra sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que ordenaba a catro empresas deixar as súas propiedades no Gorxal en favor da Comunidade de Montes de Cabral, igualmente incidindo na invalidez dese plano para probar a veracidade do aproveitamento consuetudinario do monte veciñal.

A Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes considera moi positivo o último fallo xudicial da parcela na contorna do Ifevi, pois achega algo de sentido común a un conflito que habitualmente estaba a inclinarse sempre a favor dos comuneiros. Non obstante, defende que o único xeito de superar a actual inseguridade xurídica que afecta a particulares e empresas con terreos en áreas susceptibles de ser reclamadas por comuneiros, será a través dunha modificación lexislativa.

O argumento das CC MM para lograr a titularidade dos terreos e expulsar deles aos seus actuais propietarios é sempre o mesmo: que a propiedade do monte é deles dende tempo inmemorial e que esta quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX dos que só se conservan as libretas e os planos, pero dos que non consta a súa aprobación final. Os particulares afectados, polo xeral, teñen títulos que se remontan a principios do século XX ou unha inscrición no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *