Vigo, 13 de setembro de 2024.- O Xulgado do Penal número un de Vigo acollerá o próximo 18 de setembro a celebración dun xuízo contra o presidente da Comunidade de Montes Santa Mariña de Cabral, Luis Rodríguez, e outras dúas persoas pola suposta comisión dun delito contra a ordenación do territorio derivado da construción dun galpón no ámbito do plan de rexeneración do corredor natural do río Lagares.
O fiscal solicita para o dirixente comunal e para os outros dous imputados penas dun ano e tres meses de prisión para cada un, quince meses de inhabilitación especial para actividades de construción ou promoción inmobiliaria, 4.500 euros de multa, a demolición da nave e a reposición do terreo ao seu estado orixinal.
O caso, segundo a acusación pública, remóntase ao ano 2014, cando se iniciaron as obras de edificación do galpón. Tras unha denuncia veciñal, a Policía Local notificou aos promotores que debían parar, pois non contaban con licenza algunha. Non houbo máis movementos ata o ano 2016, cando unha inspección municipal constatou no mes de abril que se estaban a construír as paredes. Entre aquela data e o verán de 2017 rematouse o galpón, que quedou unido a outra edificación preexistente a través da nova cuberta.
Como as obras realizáronse sen ningún tipo de licenza, o Concello de Vigo incoou o preceptivo expediente, que remitiu despois á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Este organismo autonómico concluíu que as obras eran ilegais e ordenou a súa demolición. Ao parecer, semanas atrás estívose a traballar no derrubamento da construción, nun evidente intento de minimizar as consecuencias dunha posible condena na vista do próximo mércores.
O xuízo por este caso chega despois de que o presidente propuxera á asemblea de comuneiros que fora precisamente a propia Comunidade de Montes quen asumira as costas dos múltiples procedementos xudiciais que se están a tramitar derivados da xestión da súa xunta reitora.
Neste sentido, a Plataforma Galega de Afectados pola Comunidades de Montes entende que a situación desa xunta directiva e do seu presidente é cada día máis delicada, pois non só se enfronta a numerosos procesos derivados do “saqueo” de naves industriais ou parcelas privadas, senón que están a coñecerse procedementos nos últimos tempos claramente susceptibles de seguir tamén a vía penal, como o do galpón á beira do Lagares.
Precisamente estes días coñeceuse tamén que se está a seguir outro proceso contra o presidente dos comuneiros e outras persoas por un presunto delito contra o medio ambiente derivado dunhas obras executadas moi preto do nacemento do Lagares. Aquela actuación fora denunciada o pasado outubro e xa provocou a imposición dunha sanción de case cen mil euros á Comunidade de Montes de Cabral por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.