O TSXG devolve a catro empresas do Gorxal a titularidade das parcelas que lle reclamara a Comunidade de Montes

Vigo, 12 de marzo de 2024.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revocou a sentenza ditada pola Audiencia Provincial de Pontevedra hai pouco máis dun ano que ratificara o fallo do Xulgado de Primeira Instancia número 10 de Vigo que ordenaba a catro empresas deixar as súas propiedades no Gorxal en favor da Comunidade de Montes de Santa Mariña de Cabral.

A nova resolución cuestiona que o plano que utilizaran os comuneiros para documentar a titularidade das parcelas, un documento de 1891, servira para probar a veracidade do aproveitamento consuetudinario das mesmas en réxime de comunidade, un dos requisitos esenciais para ter a consideración de monte veciñal. Polo contrario, o Tribunal incide en que o propio Xurado Provincial non chegou a cualificar a área en disputa como monte, pois tivo en conta precisamente que non se acreditara ese aproveitamento nun tempo recente, que a sentenza sitúa nos últimos cen anos.

Ademais, o TSXG destaca tamén que o terreo, de 6.500 metros cadrados, foi cualificado como solo urbano no Plan Xeral de Vigo de 1993, sen que esa decisión fora impugnada pola Comunidade de Montes en ningún momento. Do mesmo modo tamén destaca a existencia acreditada de enclavados particulares (fincas privadas rodeadas de monte) no monte que nunca foron correctamente identificados polos comuneiros.

As empresas implicadas no caso son Viguesa de Cocinas S.A., Hogomar 2.000 S.L., Gestión de Patrimonios Reiros y Heva Deter Hispánica, que posúen títulos de propiedade das súas parcelas que datan dun século atrás, coas correspondentes inscricións rexistrais, uns documentos que agora recuperan o seu sentido.

A Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes aplaudiu o novo fallo xudicial, “que imprime unha notable dose de sentido común a un conflito que ten a moitas empresas e particulares en vilo ante a posibilidade real de que as súas parcelas, naves ou vivendas terminen en mans dos comuneiros”, sostivo a presidenta do colectivo, Beatriz Ucha.

O argumento das CC MM para lograr a titularidade dos terreos e expulsar deles aos seus actuais donos é sempre o mesmo: que a propiedade do monte é deles dende tempo inmemorial e que esta quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX dos que só se conservan as libretas e os planos, pero dos que non consta a súa aprobación final. Os particulares afectados teñen títulos que se remontan a principios do século XX ou unha inscrición no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás.

Precisamente hai pouco máis dun mes, a Comunidade de Montes de Cabral logrou por primeira vez que adquirira firmeza unha resolución xudicial que lle daba a titularidade dunha finca que estaba en mans de particulares, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidira non admitir o recurso de casación interposto por dous irmáns en relación a un terreo de Cotogrande que eles herdaran de varias xeracións atrás.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *