A sentenza que declara municipal unha parcela industrial de Salvaterra non frea a ameaza dos comuneiros

A necesidade dun cambio lexislativo segue sendo a día de hoxe o único horizonte para dar seguridade xurídica a empresas e particulares fronte ás demandas das comunidades de montes

Salvaterra, 9 de abril de 2024.- A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que declara municipal un terreo do polígono industrial de Chan da Ponte, en Salvaterra do Miño, mantén o criterio de anteriores resolucións e non minimiza a ameaza das demandas das comunidades de montes para facerse coa titularidade de parcelas de empresas e particulares.

A Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes entende que non está para nada xustificado o optimismo transmitido pola alcaldesa deste concello pontevedrés tras o fallo do TSXG, pois aínda que a sentenza é positiva, non invalida en absoluto o axioma que sustenta a maioría destes procesos, é dicir, que a propiedade do monte é dos comuneiros dende tempo inmemorial e que esta quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX.

Na nova resolución, o Tribunal entende que non existe proba suficiente que demostre que a parcela do Concello, de algo más de 9.000 metros cadrados, está dentro dos límites do monte, pois en realidade non hai unha delimitación exacta e concreta do mesmo. En consecuencia tampouco queda constatado o aproveitamento inmemorial da parcela, extremo indispensable para ter a consideración de monte comunal.

Beatriz Ucha, presidenta da Plataforma, defende que a posición da alcaldesa, “aínda que comprensible por ser a parte finalmente gañadora do litixio, pode xerar moi falsas expectativas no conflito, pois en realidade non cambia a ameaza sobre calquera terreo que os comuneiros si sexan capaces de situar dentro do monte segundo os seus planos ou fotocopias de máis dun século para atrás”.

A Plataforma sostén que só un cambio lexislativo, comprometido hai tempo polo goberno galego, pode outorgar seguridade xurídica ás empresas e particulares que por boa parte da xeografía galega están a verse inmersas en litixios deste tipo coas comunidades de montes.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *