O Xulgado anula o acordo dos comuneiros de Cabral para a cesión dos terreos do campo de golf ao Aero Club

Vigo, 29 de xaneiro de 2024.- O Xulgado de Primeira Instancia número 9 de Vigo acaba de emitir un auto que anula os acordos adoptados pola Asemblea da Comunidade de Montes Santa Mariña de Cabral en novembro de 2019 para ratificar o convenio co Real Aero Club de Vigo, asinado para a cesión por 30 anos dos terreos do campo de golf, e os contratos de aluguer con Aeroparking-Vigo e Xealco.

A resolución é un complemento doutra ditada recentemente polo mesmo Xulgado que obriga a esta CC MM a readmitir a 15 comuneiros expulsados hai catro anos, dado que na primeira sentenza obviouse o pronunciamento sobre eses outros acordos asemblearios.

O Xulgado entende que o sistema de votación empregado naquela reunión por Luis Rodríguez, o presidente comunal, xa fora considerado anteriormente polos tribunais como “unha votación artificiosa”. En concreto refírese a cuestións como que se computaran como favorables votos non emitidos ou de comuneiros que non se pronunciaran expresamente sobre os acordos. A lexislación, segundo puntualiza expresamente a sentenza, esixe que se contabilicen votos emitidos, non presuntos votos.

Dáse a circunstancia de que o convenio co Aero Club fora xa avalado por unha asemblea anterior a aquela, celebrada no ano 2017, pero o xulgado, co respaldo posterior da Audiencia Provincial, invalidara tamén aquela votación por falta de quorum.

A nova sentenza deriva dunha demanda interposta por comuneiros contrarios á xestión de Luis Rodríguez.

Pola súa parte, a Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes, que convocou a concentración de protesta contra as prácticas da CC MM de Cabral que se desenvolveu onte fronte ao Ifevi, aproveitando que se celebraba unha nova asemblea comunal, entende que esta última resolución xudicial “amosa unha vez máis a arbitrariedade que caracteriza a Luis Rodríguez á hora de dirixir a entidade e a impunidade coa que actúa unha e outra vez”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *