Vigo, 23 de xaneiro de 2024.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidiu non admitir o recurso de casación interposto por dous irmáns contra a sentenza que outorgou á Comunidade de Montes de Santa Mariña de Cabral a titularidade dun terreo de Cotogrande que eles herdaran de varias xeracións atrás.
Deste xeito, a CC MM logra por primeira vez que sexa firme unha resolución xudicial que lle dá a propiedade dunha parcela que estaba en mans de particulares, un procedemento que chega ao seu final a pesar de que o presidente da entidade sempre defendeu publicamente que eles só reclaman títulos a administracións, empresas ou, segundo xa asegurou recentemente, grandes propietarios.
Pero neste caso trátase dun terreo duns 1.650 metros cadrados que linda coa Avenida do Tranvía, en Peinador. En realidade esta é só unha das distintas demandas que presentou contra particulares para esixirlles os seus predios, con ou sen vivenda. Neste sentido, a Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes ten constatados polo menos outros cinco casos de procedementos xudiciais emprendidos por esta CC MM para facerse con fincas privadas de pouca entidade, procesos que iniciaron a súa tramitación en distintos xulgados de Vigo e que naceron entre 2019 e 2021.
O argumento dos comuneiros para lograr a titularidade destas parcelas e expulsar delas aos seus actuais propietarios é sempre o mesmo: que a propiedade do monte é deles dende tempo inmemorial e que esta quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX. Os particulares afectados teñen títulos que se remontan a principios do século XX ou, como no caso dos dous irmáns desa primeira sentenza firme, unha inscrición no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás. Como o resto de veciños demandados, eles tamén estiveron moitos anos posuíndo sen problemas o terreo ata que a comunidade de montes comezou inesperadamente a súa campaña de reclamacións.
A Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes lamenta o desenlace dest longo proceso xudicial que ten deixado sen terreo a eses dous irmáns e vaticina unha sucesión de sentenzas similares en moitos puntos de Galicia en caso de que a Administración “non free este despropósito e actúe con celeridade contra este xeito de aproveitarse da lexislación para anexionarse propiedades”.