A Plataforma de Afectados por Comunidades de Montes denuncia o crecente acoso a propietarios particulares de Pontellas

Representantes da Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes, acompañados de tres veciños afectados, mantiveron un encontro a pasada semana co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo Alonso, para informarlle da crecente presión que está a exercer a Comunidade de Montes de Pontellas sobre propietarios particulares desta parroquia para facerse coa titularidade de numerosas parcelas, con ou sen vivendas.

As accións desenvolvidas polos comuneiros con esa finalidade remóntase xa a varios anos atrás e van dende a xestión do cambio de titularidade dos predios no Catastro ou ofertas de permutas para evitar o enfrontamento, ata o acceso sen permiso ás parcelas para realizar labores de roza e limpeza e xustificar así a posesión efectiva do terreo, ou o inicio de procedementos xudiciais para reclamar a propiedade.

O alcalde asegurou coñecer moi ben o conflito, posto que o Concello leva anos mantendo preitos coas comunidades de montes, non só coa de Pontellas, pola titularidade de solo municipal, con distinto resultado nos xulgados. Dixo que as demandas dos comuneiros veñen de moito antes da súa chegada á Alcaldía e afirmou que, no seu caso, sempre defendera o interese municipal. Aos veciños afectados aconselloulles que pelexaran eles polas súas terras, pois o Concello tiña que permanecer á marxe. E coincidiu coa Plataforma en que é necesaria unha modificación lexislativa por parte da Xunta de Galicia que poña fin á problemática, unha cuestión que asegurou que trasladara no seu día á Administración Autonómica, pero que non ía reiterar nin agora nin máis adiante.

Os tres veciños que asistiron ao encontro explicaron os seus casos e revelaron que as pretensións dos comuneiros en relación ás súas propiedades se concentraban na parte edificable das parcelas sen que, segundo os seus relatos, mostraran moito interese polos espazos cualificados como solo rústico. En dous casos foron testemuñas da entrada sen permiso nos seus predios con maquinaria para limpeza e roza, e un terceiro está pendente da inminente chegada dunha comunicación do Catastro sobre o inicio de accións para cambiar a titularidade da súa finca. Nestes e outros casos a Plataforma constatou que a sensación de acoso está a estenderse pola parroquia, tanto entre propietarios particulares como entre empresas e promotores de novas zonas industriais.

O argumento das CC MM para lograr a titularidade dos terreos e expulsar deles aos seus actuais donos é sempre o mesmo: que a titularidade do monte é deles dende tempo inmemorial e que esta quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX dos que só se conservan as libretas e os planos, pero dos que non consta a súa aprobación final. Os afectados, como nos casos dos veciños de Pontellas que acudiron a ver ao seu alcalde, teñen títulos que se remontan a principios do século XX ou unha inscrición no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *