O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de poñer fin ao longo enfrontamento mantido entre a familia de Ramón Arines e a Comunidade de Montes en Man Común de Santa Mariña de Cabral por unha parcela situada na contorna do Instituto Feiral de Vigo, en concreto, por un terreo duns tres mil metros cadrados, cunha vivenda derruída, localizado a carón da zona do aparcamento exterior.
O predio pertence a ese veciño de Cabral dende 1996, cando o adquiriu aos seus antigos donos para reconstruír a casa alí existente e ir vivir nela. Pero o seu proxecto durou moi pouco tempo, pois viuse obrigado a parar as obras no inmoble pola presión dos comuneiros, empeñados en facer unha permuta, e polas sucesivas accións intimidatorias que sufriu, como un incendio ou o derribo parcial do muro de peche.
Na liña doutras sentenzas recentes sobre os conflitos entre comuneiros e particulares, a resolución inicial do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Vigo, confirmada despois pola Audiencia Provincial, entendeu que non existía proba suficiente para situar o terreo en disputa dentro do perímetro comunal de Cotogrande e que o plano de 1891 en que baseou a súa demanda a Comunidade de Montes tiña un valor máis que dubidoso para identificar o monte e acreditar o aproveitamento da parcela por parte da parroquia de Cabral.
Aquela sentenza consideraba tamén relevante a transformación física desta zona co paso dos anos, coa construción da autopista e os seus nós de acceso, e as explanacións derivadas da habilitación do recinto feiral, “que permiten cuestionar que persistan na actualidade vestixios físicos que poidan extrapolarse dende o século XIX”. E neste sentido, a Audiencia incidiu despois en que unha parte da parcela en litixio figura inscrita oficialmente como urbana, e lembrou outra sentenza do Tribunal Superior de Xustiza que declara expresamente que “o solo urbano non pode ser monte”.
O demandado, ademais, achegou no proceso títulos de dominio da propiedade do terreo que se remontan aos anos 40 do século pasado.
A Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes celebrou a finalización “do calvario que estivo a padecer esta familia durante moitísimos anos”, e insistiu na necesidade de que a “Administración autonómica interveña e poña fin ao absurdo das reclamacións dos comuneiros sobre terreos e propiedades particulares en base a un suposto aproveitamento inmemorial sen evidencia algunha”.
O argumento das CC MM para lograr a titularidade dos terreos e expulsar deles aos seus actuais donos é sempre o mesmo: que a titularidade do monte é deles dende tempo inmemorial e que esta quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX dos que só se conservan as libretas e os planos, pero dos que non consta a súa aprobación final. Os afectados, como o caso de Ramón Arines, teñen títulos que se remontan a principios do século XX ou unha inscrición no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás.

