Vigo, 17 de xuño de 2024.- Por iniciativa da Asociación de Veciños e Empresarios de Cabral (Aveeca) acaba de iniciarse unha campaña de recadación de fondos para sufragar as costas xudiciais (uns 2.400 euros) da última fase do longo procedemento sufrido por dous irmáns para tentar evitar que a Comunidade de Montes de Santa Mariña de Cabral se fixera coa titularidade dun terreo de Cotogrande que eles herdaran de varias xeracións atrás.
Esta foi a primeira vez que esa CC MM logrou que adquirira firmeza unha resolución xudicial que lle daba a propiedade dunha parcela que estaba en mans de particulares, un procedemento que chegou ao seu final a pesar de que o presidente da entidade sempre defendera publicamente que eles só reclamaban títulos a administracións, empresas ou grandes propietarios.
Neste caso trátase dun terreo do tan só uns 1.650 metros cadrados lindeiro coa Avenida do Tranvía, en Peinador. Uns seis meses antes do confinamento polo covid, o presidente dos comuneiros contactou cun dos irmáns para informarlle das súas intencións, pero suxeriulle que atopara un comprador para a súa parcela, dado que non querían ir contra el pois tempo atrás tivera un bo xesto coa parroquia ao ceder unha casa en ruínas da súa propiedade para ensanchar unha estrada. Aquela proposición non foi adiante e o conflito derivou en estragos no peche do terreo e unha corta de árbores que abriu a pelexa xudicial.
O proceso rematou a principios deste ano. Polo medio, a parcela fora expropiada para a ampliación do Ifevi e o Concello consignara o importe desta acción nunha conta bancaria á espera do pronunciamento da Xustiza sobre a titularidade. Eran 9.000 euros que finalmente engordaron as arcas dos comuneiros, como tamén ocorrerá con outra cantidade similar doutra expropiación pendente.
Os irmáns deixáronse máis de 7.000 euros no proceso, aos que habería que sumar agora os 2.390,72 euros do importe das últimas costas xudiciais, segundo acaba de decretar a Audiencia Provincial de Pontevedra.
A Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes, que trasladará aos seus asociados a iniciativa de Aveeca para axudar a estes irmáns, lamentou neste sentido o desamparo que senten moitos afectados particulares ao ter que sufrir estes custosos e longos procedementos fronte a unhas entidades comunais que se converteron en poderosas organizacións precisamente a través de procesos deste tipo.
O argumento dos comuneiros para lograr a titularidade das parcelas e expulsar delas aos seus actuais propietarios é sempre o mesmo: que a titularidade do monte é deles dende tempo inmemorial e que esta quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX. Os particulares teñen títulos que se remontan a principios do século XX ou, como no caso dos dous irmáns, unha inscrición no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás. Como o resto de veciños demandados, eles tamén estiveron moitos anos posuíndo sen problemas o terreo ata que a comunidade de montes comezou inesperadamente a súa campaña de reclamacións.